viernes, 5 de julio de 2019

A Universidade da Coruña no Ranking Nature 2019

A pasada semana publicouse o ranking Nature, que destaca as institucións e os países que dominaron a investigación en ciencias naturais en 2018. As disciplinas científicas representadas son 4: Química, Física, Ciencias da Terra e Medio Ambiente, e Ciencias da Vida. Tamén é importante sinalar que ten en conta as publicacións en 82 revistas científicas de alto impacto elixidas por un grupo independente de investigadores activos. Por isto, e tal e como amosan na web do propio ranking, é importante que os usuarios entendan que os datos baséanse nunha proporción relativamente pequena do total de traballos de investigación, que cobren só as ciencias naturais e que os resultados non están normalizados (é dicir, non reflicten o tamaño do país ou institución, ou o seu resultado xeral de investigación).

No que respecta á Universidade da Coruña, obtivo unha boa posición, aumentando un 28% a súa produción científica respecto ao ano anterior. Dos 198 centros de investigación de España incluídos neste ranking, a UDC atópase no posto 37. Nesta ligazón pódese consultar o ranking de institucións españolas, no que o primeiro lugar está ocupado polo CSIC, seguido do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Barcelona e, terceiro, a Universidade de Barcelona. En canto as outras dúas universidades galegas, a Universidade de Santiago de Compostela está no posto 8, aumentando un 0,6% a súa produción científica, e a Universidade de Vigo, no posto 42, baixa un 28,4%.

A Química é a disciplina máis representada na UDC, tal e como se amosa nesta gráfica do ranking. En canto á colaboración nacional e internacional da nosa universidade, a primeira está representada cun 12,87% e a segunda cun 87,13%. No primeiro posto das institucións colaboradoras nacionais atópase a Universidade de Santiago de Compostela; a nivel internacional, o CNRS de Francia.

A nivel mundial, o centro de investigación que ocupa o primeiro lugar é a Academia de Ciencias de China, seguido da Universidade de Harvard e o Instituto Max Planck de Alemaña. O primeiro centro español en aparecer nesta listaxe mundial, é o CSIC, no posto 54.
En canto aos países que máis contribuíron aos artigos publicados nas 82 revistas, nesta ligazón pódese consultar o resultado do ranking. Estados Unidos ocupa o primeiro lugar, pero China achégase con moita rapidez, aumentando un 17% a produción respecto ao ano pasado. España ocupa o 11º posto de 50 países, coa Química como disciplina máis representada, seguida da Física.                                                                                                                                                         

No hay comentarios: