jueves, 19 de noviembre de 2020

leBUC: nova plataforma de préstamo de libros electrónicos do Servizo de Biblioteca da UDC



Nesta entrada do noso blog presentámosvos a nova plataforma de préstamo de libros electrónicos coa que conta o Servizo de Biblioteca da UDC: leBUC.

leBUC posibilita a lectura en liña e/ou a obtención en préstamo de libros electrónicos a todos os membros da comunidade universitaria, sempre previa identificación da persoa usuaria coas súas credenciais da UDC. A plataforma é compatible con calquera dispositivo electrónico con acceso a Internet: ordenador, tableta, teléfonos intelixentes, etc.

No que respecta aos seus contidos, na plataforma pódense atopar libros de editores comerciais españois e tamén publicacións de editoriais universitarias en virtude do convenio entre a UNE e REBIUN.

O sistema de préstamo é moi parecido ao que se utiliza cos libros en papel: o préstamo dun título implica que ese exemplar figure como prestado e non poderá prestarse a outro usuario en tanto non se devolva ou non finalice o período de préstamo. As condicións do préstamo son as seguintes: pódense prestar ata 3 libros durante 10 días, pódense renovar unha vez, e pódese facer unha reserva sobre exemplares que están prestados. É importante sinalar que o número de préstamos de libros electrónicos non se acumula cos que se teñan prestados en papel.

Unha vez prestado un libro, leBUC ofrece dúas modalidades de lectura:

- Lectura en liña: accédese ao contido a través dun visor e será posible avanzar polas súas páxinas, ademais de destacar fragmentos, facer anotacións, etc.

- Lectura sen conexión a Internet (descarga do libro electrónico): a primeira vez que se desexe ler un libro sen conexión hai que crear unha conta en Adobe e descargar Adobe Digital Editions, que posibilitará ler os libros co DRM (é o sistema empregado polos editores para protexer as obras de copias non autorizadas). Unha vez realizado o préstamo do libro en leBUC, descárgase un arquivo coa extensión .acsm que hai que abrir con Adobe Digital Editions. O libro inclúese na biblioteca de Adobe Digital Editions e xa pode lerse.

leBUC tamén permite ler en móbiles e tabletas. Neste caso requírese a utilización de aplicacións específicas, recomendándose a aplicación gratuíta Aldiko Book Reader.

Ademais, leBUC conta cun espazo persoal (“A súa conta”), onde atoparedes información sobre os vosos libros electrónicos en préstamo, as vosas reservas, buscas gardadas, libros favoritos, etc.

Por último, se queredes ampliar a información ou coñecer con máis detalle o funcionamento da plataforma, recomendámosvos a consulta da guía “leBUC: préstamo de libros electrónicos” elaborada polo Servizo de Biblioteca da UDC.

No hay comentarios: