jueves, 26 de noviembre de 2020

Modelo de adquisición baseado na evidencia (EBS): libros electrónicos na Biblioteca da UDC. O caso de Wiley Online Library


Un dos modelos de adquisición de libros electrónicos máis habitual é a adquisición baseada na evidencia (EBS). Trátase dunha opción vantaxosa para a biblioteca, xa que permite acceder durante un determinado período de tempo á colección do editor en cuestión e, despois deste período, adquirir os libros seleccionados pola biblioteca segundo os datos de consulta e uso dos mesmos. Desta forma, o modelo EBS permite que a biblioteca poida realizar a selección e adquisición dos títulos máis relevantes e interesantes para as persoas usuarias.

A biblioteca da UDC conta na actualidade con dous paquetes de libros de grandes editores contratados a través do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia co sistema EBS: Walter de Gruyter e Wiley; outros paquetes como Springer, Elsevier e Cambridge Core estarán dispoñibles proximamente.

Precisamente de Wiley vén de anunciarse a semana pasada o novo EBS que estará activo un ano, ata novembro de 2021. Este modelo pon ao servizo da comunidade universitaria 23.000 títulos, entre os que se atopan 84 de bibliografía recomendada. Pasado o tempo indicado, seleccionaranse para a súa adquisición en propiedade aqueles libros máis utilizados segundo os datos de consulta e uso da colección. Este é o cuarto ano que se subscribiu un acordo EBS con Wiley, polo que actualmente se accede de maneira definitiva a 1.184 títulos (en 2017 seleccionáronse 298, en 2018 395 e en 2019 engadíronse outros 491 libros).

Para acceder aos títulos que se ofrecen neste novo modelo de adquisición baseado na evidencia, recoméndase facelo a través de Pórtico, portal de acceso aos recursos electrónicos dos que dispón a biblioteca da UDC. Neste portal tamén tedes acceso aos títulos de Wiley mercados pola biblioteca.

Trátase de libros electrónicos de carácter científico de diversas áreas temáticas: Agricultura e Ciencia dos Alimentos, Arquitectura, Arte, Economía, Finanzas e Contabilidade, Química, Informática, Humanidades, Dereito, Ciencias da Vida, Matemáticas e Estatística, Medicina, Enfermaría, Física e Enxeñaría, Psicoloxía, Ciencias Sociais e do Comportamento. Todas estas materias aparecen na páxina de inicio da plataforma baixo a epígrafe “Subjects”, posibilitando filtrar as buscas polas mesmas. Dende esta mesma páxina tamén hai un acceso directo aos máis de 22.000 títulos de libros.

De cada libro amósase unha pequena biografía do autor, un resumo do seu contido e unha táboa de contido de todos os capítulos do libro. En canto ás opcións de visualización, existe a posibilidade de descargar cada capítulo por separado ou ben o libro completo, en ambos casos en formato PDF. Wiley conta con esta páxina de recursos en español onde podedes atopar unha guía de usuario, vídeos autodidácticos e mesmo sesións de capacitación virtual.

Ademais destes libros electrónicos accesibles mediante EBS, a Biblioteca da UDC conta con outras coleccións temáticas e multidisciplinares, ben por compra perpetua ou subscrición. Todas elas pódense consultar nesta ligazón da páxina web.

No hay comentarios: