A semana pasada difundiamos nesta
publicación do blog o EBS (modelo de adquisición baseada na evidencia) de libros
electrónicos de Wiley que estará activo un ano. Nesta ocasión informámosvos
doutro paquete adquirido segundo este modelo: Walter
de Gruyter Books.
Ata novembro de 2021 ofrecerase
acceso a máis de 80.000 títulos da editorial de todas as áreas temáticas, aínda
que predominan as Humanidades e Ciencias Sociais. Por exemplo, áreas como
Ciencias Sociais e Lingüística están representadas con máis de 14.000 e 8.000 libros
respectivamente, mentres que outras como Química ou Xeociencias non chegan aos
1.000.
Pasado este período de tempo
compraranse os libros máis utilizados segundo os datos de consulta e uso da
colección por parte da comunidade universitaria. Os libros permiten un acceso
simultáneo ilimitado ás persoas usuarias e a listaxe de títulos podedes
consultala a través de Pórtico,
portal de acceso aos recursos electrónicos dos que dispón a biblioteca da UDC.
Ademais dos libros publicados
pola propia editorial De Gruyter, esta colección inclúe obras doutras
editoriais entre as que destacan prestixiosas universidades como Harvard,
Princeton, Columbia, Pennsylvania ou Toronto, e algunhas cunha importante
colección en Lingüística como Amsterdam, Hawaii ou Iberoamericana Vervuert.
De cada libro amósase un resumo
do seu contido e unha táboa de contido de todos os seus capítulos. En canto ás
opcións de visualización, existe a posibilidade de descargar cada capítulo por
separado ou ben o libro completo, en ambos casos en formato PDF.
Ademais, na propia plataforma do editor (na que se inclúen estes libros, pero tamén outros aos que a biblioteca non ten acceso, así como revistas), posibilítase a busca a través de 30 áreas temáticas baixo o menú “Subject Areas”. De Gruyter ofrece esta pequena guía de uso na que se amosan os elementos principais que contén cada páxina dun título. A plataforma tamén dá acceso a máis de 3.000 libros en acceso aberto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario