Esta semana, concretamente o día
20, cumpríronse 15 anos da presentación oficial en 2006 do RUC, repositorio institucional da
Universidade da Coruña. O repositorio foi creado dentro dun contrato programa
da universidade por catro persoas, tres delas persoal bibliotecario da nosa universidade:
Xaquín Lores, Carlota Balsa, Javier Uranga e Vicente Guerreiro, este último do
Servizo de Informática e Comunicacións. Foi o primeiro das universidades galegas
e dos primeiros de España.
Nese mesmo mes e ano a
Universidade da Coruña tamén asinaba a adhesión
institucional á Declaración de Berlín por proposta da Comisión da Biblioteca Universitaria, apoiando así as
novas posibilidades de difusión do coñecemento.
Ademais, cabe sinalar que coa obrigatoriedade
do depósito en acceso aberto da investigación financiada con fondos públicos (a
nivel europeo co programa Horizonte 2020
ou a nivel nacional coa Ley
de la Ciencia, la Tecnología y la Innovación), os repositorios
convertéronse nunha ferramenta fundamental para a difusión en aberto da
produción científica.
Ao logo destes anos o RUC consolidouse
como unha porta aberta aos recursos producidos polos membros da universidade no
seu labor de investigación e docencia, tendo como obxectivo dar maior
visibilidade a estas publicacións e asegurar a súa preservación e
accesibilidade. Actualmente conta con máis de 22.000 documentos: 6.015 traballos
de investigación (deles, 1.702 teses), 6.141 artigos e exemplares de revista
editados pola universidade, 3.624 documentos de congresos e cursos da UDC, así
como unha selección de traballos finais de grao e mestrado, entre outros.
O RUC estrutúrase en 5 grandes
áreas:
- Investigación: neste apartado recóllense os documentos producidos pola activade investigadora dos membros da comunidade universitaria: teses, artigos, etc.
- Publicacións UDC: recolle revistas, libros, congresos e cursos editados pola UDC.
- Coleccións especiais: atópase a Colección Francisco Pillado Mayor, de temática teatral e formada por imáxenes dixitalizadas de carteis e fotografías.
- Traballos académicos: traballos de fin de grao (TFG) e de fin de mestrado (TFM) presentados polo alumnado da UDC e que foron seleccionados polas comisións académicas correspondentes.
- Docencia: materiais para docencia e obxectos de aprendizaxe creados polo profesorado da universidade no seu labor docente. Esta comunidade tamén recolle documentos xerados nos cursos MOOC da UDC.
Tamén queremos sinalar unha
novidade importante que se introduciu o ano pasado no que respecta ao depósito
dos datos de investigación. En febreiro de 2020 creouse unha comunidade UDC en
Zenodo (repositorio de datos que busca compartir os resultados da
investigación froito do financiamento público tanto nun contexto nacional como
internacional) para que o persoal investigador
deposite aí os datos. O depósito en Zenodo é moi sinxelo e ofrece vantaxes
importantes para os investigadores, como obter un DOI para o dataset ou unha
gran capacidade de almacenamento. Ao crear
unha comunidade para a UDC tamén se está a ofrecer un punto único de consulta
dos datos de investigación da nosa universidade.
Finalizamos esta publicación dando as grazas tanto aos creadores do RUC como ao persoal docente e investigador da UDC pola súa participación e colaboración, facendo posible a ciencia aberta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario