viernes, 15 de enero de 2021

Centenario da Revista e da Xeración Nós

No finalizado ano 2020 tivo lugar a celebración do centenario da revista Nós, que deu lugar á denominada Xeración Nós, un dos proxectos culturais colectivos máis singulares de toda a historia da literatura galega. A revista Nós naceu o 30 de outubro de 1920 e supuxo unha revolución no mundo editorial galego, tanto polo seu aberto carácter nacionalista como por pretender normalizar o uso do galego en todos os extractos sociais. Con contidos literarios, artísticos, etnográficos, filosóficos ou de pensamento político, tivo unha profunda pegada na cultura galega.

Ao redor da revista organizáronse un grupo de intelectuais comprometidos co galeguismo que realizaron un valioso traballo de estudo e fortalecemento da cultura e literatura galega: a Xeración Nós, formada por homes como Risco e Losada Diéguez, homes de pensamento; Otero Pedrayo, creador literario; Cuevillas, investigador; Cabanillas como poeta ou Castelao como artista.

Co gallo deste centenario, ao longo destes últimos meses xurdiron diversos proxectos conmemorativos. Algúns dos máis salientables son:

·      Lanzamento do portal revistanos.galiciana.gal, que presenta dunha forma innovadora e moi visual os datos de todas as persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus 15 anos de vida, tomando como referencia a información e as imaxes proporcionadas por Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia. Ademais, este novo sitio dá acceso de forma individualizada á dixitalización da revista.

Aínda que Galiciana xa permitía a consulta dixital de todos os números que se publicaron da revista, un novo proxecto foi a conversión dos exemplares a formato e-book, adaptándose así aos hábitos lectores da sociedade actual. Na actualidade xa están dispoñibles para a súa descarga a través de Galiciana os 100 primeiros números en formato ePub, traballo que continuará ao longo deste ano.

·      Publicación por parte da editorial Galaxia da colección Biblioteca Nós, unha escolma de dez libros dos autores máis representativos da Xeración Nós: Risco, Cabanillas, Castelao ou Otero Pedrayo, entre outros.

·      Anuncio da compra por parte do Museo de Pontevedra dos orixinais do Álbum Nós de Castelao, obra emblemática do autor formada por 49 láminas, o seu autorretrato e o exlibris que pecha o álbum.

·      Exposición Galicia, de Nós a nós, a mostra máis completa sobre a Xeración Nós que chegará ao seu fin os vindeiros días na Cidade da Cultura para posteriormente pasar por Ourense e Pontevedra.

Como curiosidade para rematar esta publicación, queremos sinalar que Nós foi proclamada Palabra do Ano 2020 na elección popular promovida polo Portal das Palabras, proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico da nosa lingua.

No hay comentarios: