miércoles, 23 de diciembre de 2020

Acordos transformativos: negociacións por parte da CRUE e plan de continxencia

Dende hai anos o mundo da comunicación científica está a vivir cambios nos que o movemento do acceso aberto empuxa con forza para que o intercambio de información entre os científicos sexa universal, ó que esixe ter modelos económicos que fagan sostible este sistema. Un dos posibles modelos é o dos acordos transformativos, que se caracterizan por usar o diñeiro tradicionalmente destinado a subscricións para pagar os custos de publicar en aberto (Lluís Anglada, 2020).

Os acordos transformativos implica que as universidades ou as súas bibliotecas pagan para que unha institución teña acceso ás revistas dunha editorial e que o custo de subscrición tamén cubra os gastos de procesamento dos artigos (APC) que os autores da institución pagarían por normalmente publicar o seu traballo en acceso aberto con esa editorial.

Dende hai meses a Crue está a levar a cabo negociacións a escala nacional coas editoriais Elsevier, Wiley, Springer e ACS para alcanzar acordos transformativos para todas as universidades españolas, tanto polo peso económico que teñen estas editoriais para as universidades, como polo feito de que os contratos vixentes con elas finalizan o 31 de decembro deste ano 2020. O obxectivo é alcanzar un acordo transformativo que permita á comunidade investigadora das universidades:

- seguir tendo acceso ás revistas subscritas

- publicar en acceso aberto, sen ningún pago individualizado (APC), os artigos resultado das súas investigacións nas revistas subscritas

- publicar en revistas que sexan de acceso aberto (clasificadas como Gold ou Full OA), coa única condición de que o autor pertenza a algunha das institucións incluídas na negociación

No caso de que no proceso de negociación non se chegue a ningún acordo cunha determinada editorial e consecuentemente non se poda acceder aos seus recursos desde o 1 de xaneiro de 2021, dende o Servizo de Biblioteca podemos recomendar aos investigadores as seguintes alternativas para tentar acceder á información que precisen:

  •  Utilizar o servizo de préstamo interbibliotecario

O Servizo de Biblioteca da UDC ofrece o servizo de préstamo interbibliotecario para localizar e solicitar a outras bibliotecas aqueles documentos (orixinais ou copias) que non forman parte das colecciós das bibliotecas da nosa universidade. Neste caso podería utilizarse para solicitar unha copia do artigo ao cal o investigador quere acceder.

  • Instalar un plugin no navegador

Hai varios plugins que poden instalarse en navegadores como Chrome ou Firefox que indican se existe unha versión dun artigo dispoñible en acceso gratuíto, ben sexa porque está nun repositorio, publicouse en aberto ou a editorial decidise ofrecelo en acceso gratuíto. Entre estas extensións destacan Unpaywall, Open Access Button e Kopernio. Atoparedes máis información sobre elas na páxina Extensións do navegador para acceder a documentos de acceso aberto da web da biblioteca.

  • Buscar o artigo nun repositorio ou buscador científico

É posible que haxa repositorios temáticos ou institucionais nos que os autores depositan copias dos seus artigos, polo que vale a pena comprobar se o artigo que se está a buscar xa está en liña gratuitamente. Na web da biblioteca podedes atopar unha relación dos repositorios de documentos en acceso aberto máis destacados.

Tamén poden ser útiles buscadores científicos como BASE (un dos máis robustos do mundo, especialmente para recursos web académicos) ou agregadores como CORE (que recompila máis de 200 millóns de artigos en acceso aberto de revistas de todo o mundo).

  • Contactar directamente cos autores

O investigador que necesite acceder a un artigo pode contactar directamente co seu autor e  solicitarllo para o seu uso individual, xa que moitos autores comparten o seu traballo se a política de copyright asinada coa revista permítello. O nome do autor e a institución á que pertence adoitan aparecer na páxina de vista previa do artigo na maioría de plataformas editoriais.

Ademais, a través de redes sociais científicas como ResearchGate ou Academia pódese contactar cos autores e solicitarlles unha copia do artigo mediante as opcións que aparecen nesas redes.

No hay comentarios: