jueves, 18 de noviembre de 2021

A Biblioteca Casa do Patín conmemora o seu 25 aniversario


 A Biblioteca Casa do Patín conmemora hoxe o seu 25 aniversario, xa que o 18 de novembro de 1996 abría as súas portas ao público como Biblioteca Universitaria. Debe o seu nome á característica escaleira exterior que aínda conserva nunha das súas fachadas laterais. Este elemento, tamén coñecido co nome de patín, é un elemento arquitectónico que permitía acceder, de forma directa desde o exterior, ás plantas altas das vivendas.

Pero o edificio que hoxe alberga a biblioteca da universidade, construíuse a mediados do século XVIII e pasou por diferentes usos ao longo da súa historia. Nos seus inicios foi un edificio de vivendas dentro do chamado “Cuadro de Esteiro”, un barrio que se levantou para aloxar ao persoal do estaleiro. Posteriormente chegou a albergar incluso unha tenda, pero coa desaparición do antigo barrio de Esteiro o edificio foi experimentando unha deterioración cada vez maior, que mesmo levou ao goberno municipal, nos anos oitenta, a optar pola posibilidade de demolelo. Afortunadamente, non foi iso o que se fixo, e a conversión do antigo Hospital de Mariña en campus universitario abriu a porta para a súa rehabilitación e transformación en biblioteca.

Cedido o edificio á Universidade da Coruña, e seguindo un proxecto do arquitecto Miguel Ángel Crespo, a Casa do Patín abandonou en 1995 o estado ruinoso no que se atopaba, para un ano despois, en 1996, abrir as súas portas convertida xa en biblioteca.

Actualmente a colección da Biblioteca Casa do Patín está composta polos fondos pertencentes ás facultades de Enfermaría e Podoloxía, de Humanidades e Documentación, de Ciencias do Traballo e da Escola Universitaria de Deseño Industrial. Conta ademais cun fondo local formado por obras cunha temática relacionada coa cidade de Ferrol e maila súa comarca e arredores. No seu Pinterest pódese consultar de maneira máis visual este fondo nos taboleiros "Fondo local" e "Revistas de estudos locais", onde, ademáis dos libros, tamén se inclúen os materiais audiovisuais e as revistas desta temática.

Para conmemorar o seu aniversario, o persoal da biblioteca preparou unha xornada festiva para hoxe con diversos actos: a partir das 17.30 horas no salón de actos “Concepción Arenal” do Campus Universitario de Esteiro, terán lugar actuacións musicais a cargo do alumnado do Conservatorio Xan Viaño e un cuarteto de gaitas, así como a presentación dun libro sobre Rosalía de Castro. Ademais, na biblioteca haberá unha exposición de fotografías da Casa do Patín, e cada usuario/a que acuda poderá levar de balde agasallos como unha bolsa de tea e marcapáxinas de conmemoración do aniversario, un paquetiño de bombóns, un ramiño de flores ou un libro da mesa de libros de doazón.

Ligazóns de interese:

- Páxina web da Biblioteca Casa do Patín.

- De ruina a biblioteca universitaria: 25 años del renacer de la Casa del Patín, artigo no xornal La Voz de Galicia con motivo do aniversario.

- Castelo Alvarez, Bernardo. Recuperación de la Casa del Patín. Ferrol: Concello, 1995: libro do finado profesor da UDC Bernardo Castelo que é o que mellor describe a historia da Casa do Patín e maila súa reconstrución.

No hay comentarios: