jueves, 25 de noviembre de 2021

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres no Servizo de Biblioteca da UDC

Un ano máis, a Universidade da Coruña, e por extensión, o Servizo de Biblioteca, amosa o seu compromiso para construír unha sociedade máis igualitaria na celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller.

 

Desde o Servizo de Biblioteca realizamos unha guía informativa que recolle unha selección de libros de non ficción, literatura, libros electrónicos ou películas extraídas dos nosos fondos bibliográficos coa que pretendemos remover conciencias e loitar contra esta lacra social na que desgraciadamente as cifras seguen sendo alarmantes.

 Nos libros de non ficción e electrónicos recollemos materiais que abranguen as diferentes formas nas que se dá a violencia de xénero, así como relatos persoais.

Nas obras literarias incluímos dende narrativa actual ata algúns cómics, que tamén reflicten de forma gráfica importantes testemuños sobre o tema.

Por último, seleccionamos unha serie de películas con esta trama argumental, desde as estranxeiras El color púrpura de Steven Spielberg ou Ladybird, Ladybird de Ken Loach ata as españolas Te doy mis ojos de Icíar Bollaín ou Solas de Benito Zambrano, entre outras.

 

Algunhas bibliotecas dos centros da UDC tamén se suman a este día con diferentes mostras ou actividades:

·         A Biblioteca da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica creou na planta baixa un novo centro de interese con materiais que teñen como temática a perspectiva de xénero e a violencia de xénero, que se pode ver na fotografía que acompaña a este texto.

 

·          A Biblioteca de Filoloxía inaugurou unha exposición cunha selección de obras de literatura, ensaios, películas… que tratan as distintas violencias que sofren as mulleres. Podedes visitala na entrada da biblioteca ou no seu taboleiro de Pinterest.

 

·          A Biblioteca de Ciencias do Deporte e a Educación Física, ademais de contar cunha sección de libros sobre feminismo e muller e deporte na biblioteca, organizou a actividade “Bota unha man para acabar coa violencia de xénero”, consistente en pegar unha man de papel (se queredes cunha frase que vos dixeron ou escoitáchedes...) no mural que atoparedes nas escaleiras de acceso á biblioteca,  axudando así a visualizar a situación de violencia na que viven tantas mulleres e a favor dun cambio deica a igualdade. Tamén elaborou esta infografía sobre a violencia de xénero nas redes sociais.

 

Ademais destas accións levadas a cabo no Servizo de Biblioteca, a Universidade da Coruña tamén mostra o seu compromiso co 25N a través dun amplo programa de actividades. O acto central terá lugar hoxe ás 12 h. no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación, e poderá seguirse en directo por Teams. Durante o acto, lerase o manifesto elaborado pola Red de Unidades de Igualdad para la Excelencia Universitaria (RUIGEU) e se entregarán os galardóns Ángeles Alvariño aos mellores traballos académicos con perspectiva de xénero e ás obras seleccionadas no concurso para a difusión do protocolo contra o acoso na UDC.

Ademais deste acto central, diversos centros da universidade están a organizar actividades arredor do 25N, que se poden consultar neste programa, e que inclúen desde exposicións de carteis ata performances ou actuacións musicais.

Outras ligazóns de interese:

- Guía sobre feminismo, xénero e igualdade elaborada polo Servizo de Biblioteca.

- Protocolo de actuación ante situacións de acoso sexual, por razón de sexo, por orientación sexual e identidade ou expresión de xénero na UDC

- Delegación del Gobierno contra la Violencia de Género


No hay comentarios: