viernes, 14 de enero de 2022

Convocatoria de avaliación da actividade investigadora: sexenios 2021

Co comezo deste novo ano retomamos o noso blog e facémolo co recente anuncio da convocatoria de sexenios de investigación da ANECA. O pasado 1 de xaneiro publicouse no BOE a convocatoria anual de avaliación da actividade investigadora, que ten como obxectivo recoñecer os méritos na investigación desenvolvida polo profesorado universitario. O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde o 17 de xaneiro ata o 7 de febreiro de 2022.

Para coñecer as bases relativas ó proceso, pódense consultar as seguintes ligazóns:

- Convocatoria 2021 no BOE

- Criterios específicos por campos de avaliación

ANECA anuncia na súa páxina web que os criterios non sofren modificación substancial algunha e seguirán sendo os mesmos que os da convocatoria anterior, aínda que os comités aplicarán os principios e directrices  para o desenvolvemento dos criterios de avaliación da investigación.

Unha novidade interesante é que ANECA programará unha serie de encontros en liña para explicar detalladamente o desenvolvemento de criterios e os baremos que utilizará cada comité avaliador. Trátase de catro edicións de #ConversacionesconANECA que se celebrarán o 19 de xaneiro en ANECAtv.

Ademais, este ano presentou o portal ANECA_responde para atender consultas sobre a convocatoria de sexenios e a aplicación informática para cumprimentar a solicitude, substituíndo así as contas de correo de axuda dos anos anteriores.

Apoio á avaliación da actividade investigadora desde o Servizo de Biblioteca da UDC

Lembrámosvos que o Servizo de Biblioteca da UDC, dentro do Servizo de Apoio á Investigación, ofrece información e asesoramento ao persoal investigador que se presente á convocatoria. Por unha banda, na guía Acreditación e avaliación da actividade investigadora pódense atopar recursos para a busca de evidencias que solicitan as axencias de avaliación: índices de impacto, presenza en bases de datos, criterios de calidade, etc. Por outra parte, o profesorado tamén pode contactar coa biblioteca do seu centro para solicitar asesoramento personalizado neste proceso.

Outras ligazóns de interese:

- Cómo conocer el impacto de las revistas y de los artículos académicos: vídeo de Álvaro Cabezas, para a Universidad Internacional de La Rioja, no que expón as principais ferramentas en liña e indicadores valorados nas convocatorias máis destacadas de I+D e promoción académica existentes en España (sexenios e acreditacións).

- Preguntas frecuentes sobre os sexenios (Biblioteca Universitaria de Deusto).

No hay comentarios: