viernes, 21 de enero de 2022

EBS activos en 2022: libros electrónicos dispoñibles para posible compra

O Servizo de Biblioteca da UDC ofrece acceso ao longo desde 2022 a un bo número de libros electrónicos para posible compra a través do modelo de adquisición baseada na evidencia (EBS), grazas aos acordos subscritos polo Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG) con varias editoriais.

Este modelo permite acceder durante un determinado período de tempo (normalmente un ano) á colección do editor en cuestión e, despois deste período, adquirir os libros seleccionados pola biblioteca segundo os datos de consulta e uso dos mesmos para incorporalos á colección de forma permanente. Desta forma, o modelo EBS permite que a biblioteca poida realizar a selección e adquisición dos títulos máis relevantes e interesantes para as persoas usuarias, reducindo a posibilidade de adquisición dun libro que sexa pouco utilizado.

Detallamos a continuación os EBS activos na actualidade:

Dispoñible ata xullo de 2022, está composto por uns 23.000 títulos de Humanidades e Ciencias Sociais. A listaxe de títulos dispoñibles pode consultarse nesta ligazón.

Dispoñible ata decembro de 2022, está formado por case 27.000 monografías (publicadas principalmente entre 2016 e 2020) das seguintes áreas: Medicina, Matemáticas, Ciencias da Vida e Biomedicina, Química e Ciencia dos Materiais, A Terra e Ciencias Medioambientais, Ciencias Sociais, Literatura, Cultura e Estudos dos Medios de Comunicación, Relixión e Filosofía, Informática, Enxeñaría, Humanidades, Ciencias Sociais e Dereito, Negocios e Xestión.

Dispoñible ata outubro de 2022, permite o acceso á toda a colección da editorial agás a colección "German". Contén libros electrónicos de carácter científico de diversas áreas temáticas, as cales poden consultarse nesta ligazón.


No caso deste último editor, este é o quinto ano que a biblioteca adquirirá libros desta forma. O ano pasado adquiriu de maneira perpetua 536 títulos que se seleccionaron tras o periodo de proba. Sumados aos 491 seleccionados no 2019, 395 no 2018, e 298 no 2017, a biblioteca conta cun total de 1720 títulos de Wiley adquiridos a través deste modelo.

Cifras ascendentes no número de títulos adquiridos tamén se reflicten noutros editores como Springer: no ano 2019 seleccionáronse 115 títulos e no 2020, 211.

Polo tanto, os números indican que cada ano vaise ampliando a colección coa adquisición de novos títulos mediante este modelo, polo que é fundamental que toda a comunidade universitaria coñeza os títulos activos actualmente e consulte os que sexan do seu interese.

Finalizamos lembrando que ademais destes libros electrónicos accesibles mediante EBS, o Servizo de Biblioteca conta con outras coleccións temáticas e multidisciplinares que se poden consultar no apartado Libros electrónicos da páxina web.

No hay comentarios: