Esta semana comezou un novo curso
académico na universidade e nesta publicación faremos unha breve presentación
do Servizo de Biblioteca da UDC, principalmente dirixida aos que vos incorporades
este ano por primeira vez á universidade pero que tamén pode servir como
recordatorio para os que nos acompañades desde hai anos.
Instalacións e horario
O Servizo de Biblioteca conta cunha Biblioteca Central e 15 bibliotecas das distintas escolas e facultades, repartidas nos diferentes campus da universidade. Como membros da comunidade universitaria tedes acceso a tódalas bibliotecas en igualdade de condicións, e por conseguinte, a tódolos seus fondos. O horario xeral de atención ao público é de 08.30 a 21.30, de luns a venres, que pode verse reducido en periodos de vacacións.
Aínda que non dependen do Servizo de Biblioteca, tamén tedes á vosa
disposición tres grandes aulas de
estudo nos campus de Riazor, Elviña e Esteiro con horarios máis amplos en
época de exames.
Recursos e servizos
Nas bibliotecas podedes atopar
toda a información que precisedes para as clases e os traballos de aula: os
documentos que recomenda o profesorado en cada materia (bibliografía
recomendada), libros e revistas en papel, así como documentos electrónicos
(bases de datos, libros e revistas electrónicas). Tamén ofrecemos recursos para
o tempo de lecer como películas, series, cómics, novelas, etc.
Entre os servizos que ofrecemos
destacan:
- Préstamo das obras da nosa
colección. Ademais, a través da vosa biblioteca podedes solicitar en préstamo
os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de desprazarvos (préstamo
intercentros).
- Préstamo interbibliotecario,
que posibilita solicitar a outras bibliotecas aqueles documentos (orixinais ou
copias) que non forman parte da colección da biblioteca da nosa universidade.
- Préstamo de portátiles e lectores
de libros electrónicos (só nalgunhas bibliotecas).
- Cursos de formación.
- Salas de traballo en grupo.
- Actividades culturais.
- Etc.
Páxina web, redes sociais e contacto
Podedes consultar máis
información sobre todos os servizos e recursos de información na páxina web da Biblioteca
Universitaria. Ademais, case tódalas bibliotecas das diferentes escolas ou
facultades teñen páxinas
web propias, nas que obteredes información adicional e atoparedes
información máis específica sobre as materias do voso interese.
E, por suposto, lembrade que
calquera dúbida que teñades sempre podedes contactar con nós por
correo electrónico, por teléfono, nas nosas redes
sociais ou empregando o formulario en liña Contacta
coa biblioteca.
Ligazóns de interese
- Vídeo de presentación do Servizo de
Biblioteca
- Folleto
para o novo alumnado - Plano do Campus da Coruña - Plano
do Campus de Ferrol
No hay comentarios:
Publicar un comentario