miércoles, 21 de diciembre de 2022


CRUNIA: O NOVO BUSCADOR DA BUDC



Este luns estreamos CRUNIA, a nova interface de busca de recursos na Biblioteca da Universidade da Coruña.

Este lanzamento implicou un longo traballo para gran parte do persoal deste servizo, engadido as súas labores habituais. Detrás hai moitos horas invertidas, reunións, correos, chamadas, esforzo, traballo en equipo, probas, incertidume, dúbidas, e porqué non dicilo, cabreos e tensión acumulada. Foi unha travesía de meses suxeita a contínuos prazos marcados que implicaban unha vertixinosa superación de fases para ter un produto dignamente rematado (ou en gran parte) este 19 de decembro.

A finalidade é proporcionar unha ferramenta de exploración dos recursos mellor que a que tiñamos, adaptada a distintos dispositivos e que permitira contar cun só punto de acceso/consulta para evitar, na medida do posible, que os usuarios tiveran que interrogar distintos recursos por separado. En gran parte esperamos telo conseguido e seguiremos na senda de tentar mellorar. No proxecto están contempladas importantes melloras como a colaboración entre as tres Universidades Galegas.

Desde Crunia poderedes acceder ao todos os recursos da biblioteca: os recursos físicos (libros, revistas, películas), pero tamén aos recursos electrónicos subscritos e a gran parte do material que hai no RUC (teses, traballos fin de grao e mestrado, e a producción científica do Persoal Docente e Investigador da UDC).

Ata o de agora no antiguo catálogo os usuarios podían buscar recursos fonte, é decir, libros e publicación periódicas, pero non era posible consultar o seu contido. Crunia tamén permíte buscar capítulos e artigos, se é que temos acceso a eles, e consultar o texto completo en moitos casos. Tamén se pode buscar a bibliografía recomendada nas materias que se imparten na UDC.

Esta mellora nas buscas, con funcións avanzadas, busca por voz e posibilidade de aplicar filtros nos resultados, ven acompañada de melloras na exportación de rexistros a xestores bibliográficos e cun espazo máis intuitivo para que os usuarios poidan  xestionar os seus préstamos, facer reservas, solicitar documentos dispoñibles, que antes non podían e consultar o seu historial de lectura. Os usuarios agora poden gardar rexistros e buscas en favoritos, crear alertas para recibir avisos cando ingresen documentos do seu interese no catálogo, e ata poden etiquetar documentos  para clasificalos e acceder máis doadamente a eles.

Podedes consultar o material informativo que elaboramos e que trataremos de enriquecer e completar nos próximos meses.

Queremos pedirvos comprensión nestas primeiras semanas. Crunia é una ferramenta nova para vós, pero tamén para o persoal e todos/as temos que tentar cambiar antigas rutinas e adaptarnos a un novo xeito de traballar.

Esperamos que este proceso de adaptación sexa levadeiro e o menos frustrante posible, pero durante o tránsito podedes poñervos en contacto co Servizo, tanto coa Biblioteca Central como coas distintas bibliotecas de centro. Trataremos de vos resolver as dúbidas que teñades.


1 comentario:

Pili Roel dijo...

Parabéns a tod@s @s que participastes dun ou doutro xeito neste proxecto de tanta envergadura!
Tamén por esta entrada no blog e polos vídeos de axuda.
Moitas grazas!