jueves, 3 de noviembre de 2022

A Universidade da Coruña no Ranking THE: Times Higher Education World University Ranking (edición 2023)

 

Recentemente vén de publicarse a edición 2023 do THE: Times Higher Education World University Ranking, que publica un ranking das mellores universidades a nivel mundial. O ranking avalía ás universidades utilizando 13 indicadores de rendemento centrados en catro factores: docencia, investigación, transferencia de coñecemento e proxección internacional. A clasificación deste ano analizou máis de 121 millóns de citas en máis de 15,5 millóns de publicacións de investigación e incluiu respostas a enquisas de 40.000 académicos. Inclúe case de 1800 universidades de todo o mundo, entre elas 55 españolas.

Ao igual que o ano pasado, a universidade inglesa de Oxford encabeza o ranking mundial. O segundo posto ocúpao a universidade de Harvard e a universidade de Cambridge escala desde o quinto ao terceiro posto.

Respecto á nosa universidade, sitúase na banda 1001+ do total de institucións avaliadas en todo o mundo. A nivel nacional escalou 6 postos con respecto ao ano pasado e ocupa o posto 28 das 55 universidades estudadas, nas que destacan nos tres primeiros postos universidades de Cataluña: Universitat de Barcelona, Universitat Autònoma de Barcelona e Universitat Pompeu Fabra. En canto ao conxunto das universidades galegas as Universidades de Coruña e Vigo ocupan ámbalas dúas una franxa inferior á Universidade de Santiago de Compostela, que se sitúa na banda 801-1000.


Times Higher Education (THE) publica ademáis o Young University Ranking, que tamén é un ranking das mellores universidades a nivel mundial, pero menores de 50 anos. Baséase nos mesmos indicadores que o anterior ranking, pero as ponderacións axustáronse para dar menos peso á reputación. A edición deste ano inclúe 539 universidades, fronte ás 475 do ano anterior. Nesta nova edición a UDC figura entre os postos 351-400.

Esta plataforma tamén mide o grao en que as universidades contribúen a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. No Impact Ranking 2022 está na franxa 201-300, e no que respecta aos 17 obxectivos, a Universidade da Coruña destaca no obxectivo 5. Igualdade de xénero, no obxectivo 12. Produción e consumo responsables, no obxectivo 17. Alianza en favor dos obxectivos, e especialmente no obxectivo 4. Educación de calidade, no que a UDC ocupa o posto 92 a nivel mundial e o posto 11 no ranking español.


A evolución da UDC neste ranking pódese ver con máis detalle nuns gráficos desta páxina, da que é responsable a Unidade de Análise e Xestión de Datos (AXD), que  centraliza e analiza a información para cubrir estatísticas de carácter oficial. Neste sentido, inclúen un amplo apartado dedicado á UDC nos rankings universitarios, no que se presentan informes de diferentes rankings, tanto nacionais como internacionais, con datos sobre a nosa universidade en cada un deles.

Non faltan voces críticas con respecto á proliferación de rankings universitarios, convertidos en ferramentas de avaliación e marketing que teñen influencia na finanaciación das institución. Estes rankings fomentan unha competitividade capaz de orientar toda a política académica das universidades, cuxos recursos económicos e intelectuais están únicamente ao servicio destas clasificacións. 

Segundo o artigo de Nuccio Ordine publicado hoxe en El País, esta tendencia é expresión de dúas visións totalmente diferentes da educación e a investigación: "a anglosaxona (baseada nas carísimas universidades privadas e de élite ao servizo dos máis ricos e dunha pequena minoría de mozos con talento que proveñen de clases desfavorecidas) e a europea (baseada en universidades públicas que permiten a millóns de ciudadáns, independientemente dos seus ingresos, dar o salto social e cultural que fai que unha sociedade sexa máis xusta e igualitaria".


No hay comentarios: