jueves, 23 de junio de 2016

O Catálogo Galicia e a base de datos Autores Galegos da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela

Os antecedentes do Catálogo Galicia da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela remóntanse a finais dos anos 70, coa formación dun ficheiro interno cos datos dos libros galegos existentes nos fondos xerais da Biblioteca Xeral. Nos anos 80 créase a Sección Galicia e decídese facer un catálogo dedicado aos fondos galegos da biblioteca, tanto das monografías como das publicacións periódicas.

Os datos do Catálogo Galicia tomados da Memoria da BUSC de 2013 reflicten a importancia do seu fondo galego:
  • Número total de rexistros: 319.301, dos que
    • 96.607 corresponden a monografías
    • 2.996 a títulos de revistas
    • 219.698 son rexistros analíticos de artigos e partes de libro
O fondo tamén destaca pola súa calidade: primeiras edicións, fondo patrimonial, literatura non comercial, separatas, etc., con moitos exemplares únicos.

O Catálogo Galicia reúne obras que cumpren algún dos seguintes requisitos:
  • estar escrita en galego
  • o autor é galego, independentemente da lingua na que escriba
  • o autor reside en Galicia, e a súa vida e/ou a súa obra está vinculada a Galicia
  • o autor desenvolveu a súa actividade profesional temporalmente en Galicia
  • obras editadas en Galicia
  • obras sobre Galicia ou sobre autores ou personaxes galegos

Nos últimos anos a BUSC está traballando no acceso dixital ao seu fondo galego e patrimonial; deste xeito, parte do fondo está presente en Minerva, o repositorio institucional da USC, e tamén no apartado Coleccións dixitais do catálogo da BUSC

A base de datos de AutoresGalegos na BUSC é accesible dende xuño de 2007, cando comezou con 8.000 nomes; na actualidade conta con máis de 10.000 rexistros. Esta base de datos ofrece información biobibliográfica dos autores que, figurando no catálogo da BUSC, son naturais de Galicia, teñen vinculación coa cultura galega, ou desenvolven en Galicia a súa actividade profesional ou creativa.

A súa orixe está no ficheiro de autoridades que, a principios dos anos 90, comeza a elaborarse có obxectivo principal de unificar as diversas formas dos nomes dos autores que viñan xurdindo, debidas en parte ao novo estatus do galego como lingua oficial de Galicia, ás variantes dos autores lusistas e tamén aos cambios na normativa ortográfica.

Este directorio está vinculado ao Catálogo Galicia, seleccionando aos autores galegos con bibliografía presente nese catálogo; a partir dos rexistros de autoridade do programa edítanse os rexistros na páxina web. Estas fichas de autor están ademais vinculadas a Dialnet e tamén a ORCID.

No hay comentarios: