martes, 18 de abril de 2017

O servizo de préstamo na biblioteca da UDC

 

O servizo de préstamo ten por finalidade optimizar o uso da colección da UDC, permitindo que os usuarios da biblioteca poidan ter os documentos durante un tempo limitado. Para acceder a este servizo hai que presentar a tarxeta de usuario (ou no seu defecto o DNI ou pasaporte). O número de obras que poden ser solicitadas en préstamo e a duración deste variará en función da tipoloxía de usuario á que se pertenza:

 

  •          Estudantado de grao, 1.º e 2.º ciclo e senior; PAS:  6 obras / 10 días
  • Estudantado de doutoramento: 25 obras / 21 días
  •          Estudantado de másteres, proxecto de fin de grao ou fin de carreira: 10 obras / 21 días
  • PDI, profesorado visitante: 100 obras / curso académico
  •        Persoal bolseiro de investigación e persoal investigador contratado: 25 obras / curso académico
  •          Usuarios autorizados externos: 3 obras / 10 días
O préstamo poderá ser renovado indefinidamente salvo que as obras foran solicitadas por outra persoa. As renovacións pódense facer a través de 'O meu rexistro', por teléfono ou persoalmente en calquera das bibliotecas.
En canto ás reservas, pódense facer tantas como exemplares se podan sacar en préstamo, e sempre de documentos que se atopen prestados. Igualmente, poderán facerse a través de 'O meu rexistro' ou a través do persoal da biblioteca.
A maioría dos materiais son susceptibles de ser prestados aínda que algúns soamente se poderán consultar na biblioteca, como as obras de referencia, revistas e outras publicacións periódicas, material cartográfico, teses, memorias de licenciatura e proxectos fin de carreira non publicados ou documentos antigos. 

A biblioteca tamén facilita que os usuarios, a través da súa biblioteca, podan solicitar en préstamo os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de desprazarse: é o denominado préstamo intercentros.
En caso de que o usuario necesite un documento que non forme parte das coleccións da bibliotecas da UDC, mediante o préstamo interbibliotecario poderán solicitarse a outras bibliotecas aqueles documentos (orixinais ou copias) que non teñamos. O funcionamento deste tipo de préstamo ríxese por unhas regras concretas que podedes consultar nesta ligazón.
Algunhas das bibliotecas da UDC ofrecen ademáis do préstamo habitual de libros e documentos, o de lectores de libros electrónicos (a duración do préstamo é de 15 días e poderá ser renovado por outros 15, se non hai usuarios en listaxe de agarda) e o de ordenadores portátiles (a duración do préstamo é de 4 horas,  aínda que poderá ser renovado por outras 4 se non hai usuarios en listaxe de agarda).
Para maior información sobre este servizo, podedes consultar a guía de préstamo.

No hay comentarios: